Wednesday 15 de May de 2024

A Deputación aproba unha carta de dereitos e deberes dos cidadáns


O documento inclúe unha serie de principios básicos que cumprirá e fará cumprir a institución provincial, como o de ética administrativa, o control do exercicio proporcionado do poder ou a transparencia e acceso á información

O pleno da Deputación da Coruña aprobará mañá a “Carta de dereitos e deberes dos cidadáns da provincia da Coruña en relación coa Deputación Provincial”, un documento que se presenta como un firme compromiso político de cara á transparencia na xestión e á protección e garante dos dereitos dos cidadáns.

Coa aprobación do texto preténdese por riba de todo o recoñecemento explícito dos dereitos dos cidadáns a unha boa administración pública, cuestión que defendeu o goberno provincial desde a súa chegada á Deputación da Coruña.

De feito, este documento vén a completar outra serie de medidas como a creación do Portal de Transparencia Provincial (que asumiron moitos concellos da provincia), o plan de emprego que reorganizou a estrutura funcionarial de cara a un servizo máis eficiente para os cidadáns, a redución do parque móbil, a creación da Central de Contratación ou a implantación do expediente electrónico en varias áreas co fin de reducir a carga administrativa para o cidadán.

O texto que será aprobado mañá no pleno parte da concepción de que o cidadán xa non é un simple receptor de ben e servizos públicos, senón que agora son “os protagonistas principais dos asuntos de interese xeral e, como tal, dispoñen dunha serie de dereitos, como pode ser unha administración pública que promova a dignidade humana”.

A carta serve, por unha parte, como instrumento guía para axustar a actividade administrativa provincial ás novas necesidades en materia de protección e garantía dos dereitos dos cidadáns. Por outra, como marco orientador das políticas públicas provinciais xa que a carta enténdese como o marco legal que amparará e xustificará as diferentes actuacións desde a administración provincial. É dicir, que conta, segundo explicou o presidente “cun enorme valor e forza, xa que deixa moi claro o compromiso que asume a Deputación ao aprobala”.

Obxectivos
O obxectivo final desta carta é consolidar unha administración aberta aos cidadáns á vez que responsable e transparente ante eles, coa premisa básica de que todo o que o precise poderá formular as súas queixas e suxestións sobre o funcionamento da administración e esixir, en caso necesario, as reparacións ás que houbese lugar.

Principios dunha boa administración
A carta inclúe ademais unha serie de principios que a Deputación cumprirá e fará cumprir, como son o principio de eficacia e eficiencia; o principio de economía procesual; o principio de avaliación permanente da Deputación; de ética administrativa; de participación efectiva dos cidadáns; de publicidade e claridade das normas e da totalidade dos procedementos; de seguridade xurídica; de exercicio proporcionado do poder; de obxectividade; de boa fe; ou a transparencia e o acceso á información de interese xeral.